As paisaxes que se poden contemplar dende diferentes espazos do concello de Pontevedra teñen moito encanto. O municipio conta con miradoiros dende os que contemplar as rías de Pontevedra e Vigo, vales, serras e montañas. Pero ademais ten espazos únicos como os leitos fluviais ou os espazos naturais a carón da cidade como a Illa do Covo e a Xunqueira de Alba.
Pontevedra conta cunha arquitectura e patrimonio únicos. Tanto no casco urbano como nas parroquias do concello podemos presumir de inmobles únicos e con tanta historia que poderían protagonizar por si sós unha produción audiovisual.
Pazos, igrexas, ruínas, casas vilegas, capelas... conforman unha rede arquitectónica entre a que destacan bens tan recoñecidos como a Casa do Concello, a Igrexa e o Convento de San Francisco, a Basílica de Santa María, o Pazo de Gandarón (sede da Misión Biolóxica), o Pazo de Lourizán, o Parador Casa do Barón, os edificios do Museo de Pontevedra....
Ler máis
O Mercado de Abastos de Pontevedra conta cun encanto especial. Foi reformado en 2003 polo arquitecto César Portela, pero mantivéronse as antigas fachadas e as escalinatas interiores de cantería. A parte baixa está adicada á venda de peixe, marisco, carne e flores. Na parte superior véndense froitas, verduras, carnes e queixos.
Se o que precisas é rodar nun espazo industrial, o concello de Pontevedra tamén che ofrece esa posibilidade. Instalacións portuarias en Praceres, Polígono Industrial de O Campiño en Marcón, Polígono de O Vao, Complexo Industrial da Cross, Complexo Ence-Elnosa ou a antiga fábrica de louza da Pontesa en Ponte Sampaio, entre outros.
Entroido
O entroido de Pontevedra é unha data das máis esperadas polos veciños da cidade. Supón unha semana de festa durante a cal a vergoña queda na casa e as rúas se enchen de diversión e bo humor. Ademais do desfile no que participan numerosas comparsas e grupos, o Entroido tamén inclúe un concurso de Murgas con máis de 20 anos de traxectoria, unha Noite Pirata, a Mostra da Parodia e o velorio e incineración do Loro Ravachol, a figura emblemática do Entroido pontevedrés.
Ler máis